Xoves 3: primeiro serán da nova temporada

Serán de Outubro

Serán de Outubro

Este xoves, 3 de Outubro, comeza a nova temporada dos seráns da Nave.

O primeiro xoves de cada mes é tempo de seráns no Espazo Cultural da Nave de Vidán. “Serán” é tanto o nome que reciben os bailes de pandeireta nalgunhas zonas de Galiza, como o conxunto de pezas que neles se tocan, como o momento do día no que se realizan. Tradicionalmente, as mulleres xuntábanse dúas, tres ou mesmo catro veces por semana ao fin do día, e ao acabar os traballos, para tocar e bailar. Por turnos, unha ou dúas mozas botaban pezas de pandeireta mentres o resto das veciñas danzaban. A esas festas de diario viñan tamén mozos das aldeas viciñas. Hoxe, os seráns, as rúas e as ruadas -que son outros nomes doutras zonas- gañaron en público, pois mozos e mozas van dunha punta a outra de todo o país para botar unhas pezas e unhas bailas.

As festas organizadas pola Asociación Cultural Seráns en Compostela comezaron por vez primeira en 2004 na Sala Nasa, por iniciativa dun grupo de xente moi vinculada coa música tradicional. Durante seis anos, de outubro a xuño, e unha vez ao mes, tiveron lugar os seráns neste espazo. Cando a Sala Nasa pecha, no 2011, os seráns pasaron a desenvolverse na Discoteca Sarela por máis de unha temporada enteira. Desde marzo de 2013 os seráns mudan novamente de sede pasando a celebrarse no Espazo Cultural da Nave onde continuarán a ter a mesma periodicidade que anteriormente: o primeiro xoves de cada mes.

Logo_tr_gl
21h30 . Obradoiro de baile con Xiao do grupo Maghua
22h30 . Maghúa
23h15 . Os Terribles
24h00 . Son de Souto
01h00 . Foliada