Xenerais da Ulla, atranques e home-orquestra no Entroido de Vidán

Os taberneiros de Vidán saúdan a chegada do entroido (de esquerda a direita, Gustavo do Esquina, Lois da Nave, Benito do Luna e Casimiro)

Os taberneiros de Vidán saúdan a chegada do entroido (de esquerda a direita, Gustavo do Esquina, Lois da Nave, Benito do Luna e Casimiro)

 

O compostelán barrio de Vidán está preparado xa para recibir as festas do entroido 2014. Se en xuño foi a vez do San Xoán e a sardiñada e en novembro tocoulle ao magosto e as castañas, agora en febreiro será o tempo do entroido e as filloas.

Organizado conxuntamente polos locais de hostalaría do barrio de Vidán, no entroido de Vidán teremos música, atranques, xenerais da Ulla, filloas, cacheira e moita festa. O venres 28 de febreiro, a partir das 19:30h o Café-Bar Esquina, o Café-Bar Casimiro, a Cafetería Luna e A Nave de Vidán convidan a toda a veciñanza de Santiago e comarca a filloas e cacheira e a desfrutar do espectáculo do home-orquestra Cé orquestra pantasma e dos xenerais e correos propios do entroido da Ulla, chegados da parroquia do Eixo.

Home-orquestra e Entroido no Ulla

Baixo Cé orquestra pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodicacta e apaixoado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina musical aos oito anos dentro da música tradicional e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da musica popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou banda de punk Oxtiax ke te Pariu. Todo um espectáculo para non perder.

Do entroido da Ulla, chegados da parroquia do Eixo, teremos dúas das figuras mais singulares con catro xenerais e dou correos. Os xenerais son os principais protagonistas dun dos entroidos mais singulares de toda a xeografía galega, destacando pola vistosidade dos seus traxes con medallas, faxíns, espadas,… e sobretodo os seu adornados sombreiros. Xunto a eles chegarán dous correos, figuras que acompañan sempre á tropa para anunciar a chegada da comparsa ao barrio.

Atranques, vivas e festa asegurada.